Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Moeche colabora co XLIV Festival Irmandiño achegando 6.000 euros e dous grupos musicais


A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Cultural Irmandiños, Alexandre Campos, asinaron hai escasos días o convenio nominativo de colaboración entre o Concello e a entidade para a organización do XLIV Festival Irmandiño, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de agosto. O acordo subscrito recolle unha achega municipal de 6.000 euros, ademais da xestión de dous dos grupos que compoñen o programa: a Banda Xangái, solicitada polo Concello á Rede Cultural da Deputación da Coruña, e Os D’abaixo, que forman parte do catálogo da rede Dinamiz-artj dos Convenios da Transición Xusta.

O pagamento da parte económica farase efectivo en dúas veces, unha por importe de 3.000 euros inmediatamente despois da sinatura do convenio -rubricado o pasado venres- e a segunda, por outros 3.000, no momento en que a asociación cultural presente a documentación xustificativa dos gastos subvencionables, dentro do prazo máximo do 30 de novembro deste ano.

A alcaldesa destacou “a importante” contribución económica do Concello para o desenvolvemento dun evento musical e cultural “que é todo un referente para Moeche e tamén para o resto de Galicia pola súa antigüidade e pola calidade do cartel”. Neste sentido, Bascoy valorou “o esforzo da xente que organiza o festival, dándolle continuidade ao traballo inciado hai xa 44 anos polo conxunto da veciñanza”. A rexedora engade que a Administración local tamén apoia a cita “facilitando colectores, intermediando na solicitude de agrupacións de Protección Civil ou abrindo o castelo ás visitas de balde durante a xornada do sábado”.

A maiores destas vías de cooperación, habituais en todas as edicións, no convenio tamén se inclúe a axuda municipal no relativo a grupos musicais. Así, dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña, o Concello solicitou para o Irmandiño a verbena-bravú da Banda Xangai. O grupo, integrado por xente tan coñecida coma Xurxo Souto, Xan Xove ou Antón “Papaqueixos” Díaz, será un dos que actúen na noite do sábado 20. Outro dos nomes xa anunciados é o dos vascos Huntza.

Ademais, este ano o consistorio tamén se acolleu ao programa cultural Dinamiz-artj impulsado polo Instituto para a Transición Xusta naquelas zonas de descarbonización, como é a comarca afectada polo peche da térmica das Pontes.

Moeche dispón ao longo do 2023 de preto dunha vintena de actuacións escénicas e musicais cubertas ao 100% por esta iniciativa financiada con fondos europeos. Actuacións que se poden incorporar aos programas municipais ou ben ofrecérllelas a comisións de festas, entidades veciñais ou, coma neste caso, á asociación organizadora do XLIV Festival Irmandiño. Dentro do catálogo dispoñible, a organización elixiu ao grupo folc Os D’abaixo, formado por excompoñentes das históricas Fía na Roca e Berrogüetto. A súa actuación está posta para a tarde do domingo 20 ao pé do castelo, poñéndolle o ramo ao festival.

No convenio de colaboración asinado o venres pasado por Beatriz Bascoy e Alexandre Campos, estipúlanse, ademais, os compromisos da Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, entre elas a preparación do recinto e a súa posterior limpeza, o alugueiro do equipamento necesario -son, luces, etc.-, o pagamento dos cachés dos grupos (agás os facilitados polo Concello), a subscrición dun seguro de responsabilidade civil para o evento e o compromiso de incluír os logos do Concello, do Xeoparque do Cabo Ortegal e de Dinamiz-artj en todos os soportes de publicidade e difusión do festival.